O IES Valle Inclán acolle do 8 ao 19 de xuño a exposición de Kiko da Silva “Medrar con pantallas NON é igual a progreso”
A campaña ‘Escola saudable’ de Ecoloxistas en Acción invita a participar desta actividade que pecha o debate percorrido neste curso escolar. Asemade, anuncia a continuidade no vindeiro curso desta campaña de sensibilización, a través desta exposición itinerante e de faladoiros que invitan a comunidade educativa a reflexionar sobre o uso dos medios dixitais nos eidos familiar, da aprendizaxe e social, así como das consecuencias do seu inicio precoz e desregulado.
Inspirar a reflexión, o debate e o empoderamento
O obxectivo principal desta exposición é o desenvolvemento da visión crítica fronte ó fenómeno da tecnoloxía na vida familiar, social e escolar, calquera que sexa a conclusión á que chegue o alumnado.
A exposición conta con 15 ilustracións do artista galego Kiko Da Silva, e compón un álbum onde o autor reflicte mensaxes críticos sobre a relación entre a tecnoloxía, a infancia e a adolescencia. As mensaxes escritas son curtas e directas, mentres que as mensaxes gráficas exprésanse a través de retranca, dobres sentidos ou ilustracións con elementos que poden ser familiares ou inspiradores para o alumnado.
A campaña ‘Escola Saudable’ (escuelasaludable.org):
- Informa dos consensos e alertas científicas sobre a disrupción do uso precoz das pantallas na saúde física e mental, o neurodesenvolvemento e a aprendizaxe, ademais da súa pegada ambiental e as estratexias algorítmicas de enxeñería social.
- Identifica os mitos actuais do proceso hiperdixitalizador en base a dito coñecemento.
- Informa do cambio de paradigma ante este “problema de saúde pública” cando, ante a «nova evidencia científica” 22 sociedades científicas do Estado español do eido da medicina e a psicoloxía avalan as proposta de tempos de pantallas en menores da Asociación Española de Pediatría (AEP): CERO pantallas até os 6 anos e menos de 1 h. ao día entre 7-12 anos e menos de 2 horas diarias a partir dos 13 anos, incluído o tempo escolar e de deberes, postergando a introdución do smartphone e redes sociais ata polo menos os 16 anos. Explicarase igualmente por que ditas sociedades científicas exhortan ás institucións educativas a instruír en competencias dixitais sen necesidade de introducir en pantallas, plataformas e redes nas aulas, como aconsella a AEP.
- Informa de pautas concretas, encamiñadas a postergar/negociar o uso de pantallas en menores, e dos pactos de familia de Adolescencia Libre de Móbiles nesa liña.
Estas actividades contan coa guía ilustrada de Kiko da Silva de apoio á exposición ‘Medrar con pantallas non é progreso’, unha ficha de actividade para o persoal docente, Orientacións prácticas para as familias sobre smartphone e adolescencia e 4 vídeos curtos da campaña
Durante este curso académico xa foron desenvolvidos faladoiros e/ou exhibida a exposición de Kiko da Silva na provincia de Pontevedra (Centro Social A Nubeira, IES Politécnico de Vigo, CEIP Pontes-Baiña, Salón de Plenos do Concello de A Guarda, IES Luis Seoane, IES Monte da Vila, IES As Bizocas, ‘Comunifeira’ no Pazo de Congresos de Pontevedra, CEIP de Campolongo, CEIP de Cabanas) e fóra dela (Casa da Cultura de Allariz, Centro Cultura A Fábrica en Oleiros).























