Artigo de opinión sobre a «necesidade» e a «oportunidade» dos campamentos dixitais de verán. Ver artigo orixinal en: https://www.pontevedraviva.com/es/opinion/nenas-nenos-necesitan-campamento-dixital-estival_508680_102.html (Ilustración de Miguel Brieva do libro Sal de la máquina)
Nenas e nenos necesitan un «campamento dixital» estival?
… como os ofertados de balde nos concellos de Marín, Poio, Barro, Meis ou Vilagarcía, ou nalgúns centros educativos da provincia de Pontevedra sen atender ás recomendacións pediátricas.
Dende o eido científico e de persoas expertas alértannos dos problemas xa coñecidos da nova pandemia da hiperconexión dixital disruptiva e temperá nos menores. Infórmannos da relación directa entre o tempo de pantalla e da idade de inicio cos problemas de saúde mental e física, na aprendizaxe e no desenvolvemento.
- Pero as nosas fillas e fillos necesitan un ‘campamento dixital’ intensivo sen atender a súa idade madurativa e maior vulnerabilidade (adiccións, presión social, …).
Sociedades médicas e psicolóxicas de referencia como a Sociedade Española de Neuroloxia, o Consello Xeral de Psicoloxía de España e a Asociación Española de Psiquiatría da Infancia e da Adolescencia, acaban de apoiar publicamente o drástico cambio de paradigma da Asociación Española de Pediatría (AEP) que ante as evidencias deste «problema de saúde pública» demanda educar no dixital … pero «sen expor a pantallas« e evitar/reducir ao máximo os tempos de exposición a pantallas: cero horas en menores de 6 anos, menos dunha hora ao día entre sete e doce anos, e menos de dúas horas entre trece e dezaseis (incluído o tempo de escola e de deberes), así como atrasar a entrega dun smartphone, ao menos ata os 16 anos.
- Pero as nosas fillas e fillos necesitan un ‘campamento dixital’ de 5 horas diarias de pantallas.
Dende a psicoloxía lémbranos que un menor con pantallas: «non é responsábel no seu uso, tempo, selección de contido e limitación; […] non ten madurez cognitiva nin emocional, non pode abordar con pensamento crítico determinadas temáticas, contidos ou imaxes que continuamente se divulgan en internet, redes sociais ou que se comparte por Whatsapp; […] non ten capacidade de identificar nin previr os perigos que para si ou para os demais poda ocasionar ter acceso […]; non ten capacidade para detectar cando algo é adictivo, delituoso, denigrante ou non adecuado para a súa idade, nin para previlo».
- Pero as nosas fillas e fillos necesitan un ‘campamento dixital’ para iniciarse nas adictóxenas e algorítmicas pantallas, redes e IA, disruptora do desenvolvemento cerebral e da creatividade.
Quen asistirá a estes campamentos gratuítos? Os menores máis desfavorecidos? Xa sabemos que a exposición precoz a pantallas e redes sociais afectan máis negativamente aos sectores máis vulnerábeis e menos concienciados da sociedade onde, segundo os datos, aumenta máis o uso de pantallas.
- Pero as nosas fillas e fillos necesitan un ‘campamento dixital’ para rachar co mito da «fenda dixital» …
Dende Adolescencia Libre de Móbiles e da campaña «Escuela Saludable» de Ecoloxistas en Acción reclámase garantir as achegas pediátricas de atender á idade antes de introducir pantallas dentro e fóra da escola, así como traballar as competencias dixitais sen necesidade de exporlles a estas. O verán é a época ideal para «despantallar» e rachar coa refutada rutina dixital escolar. Estes fondos públicos europeos poderían ter sido aproveitados en actividades ao aire libre, deportes, socializar, coñecer o medio, é dicir, ao que axuda á motivación interna e ao desenvolvemento saudábel. Aprender offline é a mellor forma para preparar as nosas nenas e nenos cara a un mundo online.























