Nais e Pais da Plataforma galega «Adolescentes libres de smartphones» e Ecoloxistas en Acción desenvolveron unha charla-coloquio sobre o uso dos medios dixitais no eido familiar e do ensino en Val Miñor.
Presentouse unha guía para nais, pais e docentes coas alertas científicas e expertas sobre as diferentes problemáticas recoñecidas deste proceso hiperdixitalizador do proceso educativo e da sociedade nos eidos da saúde, aprendizaxe, ambiental e social.
Mostraron as achegas e normas do ámbito científico, profesional e institucional cara a un uso dos medios dixitais que atenda a idade e situación de maior vulnerabilidade de nenas, nenos e rapazada (aplazando/limitando a súa introdución), cara a formar persoas que afronten o uso desta tecnoloxía de forma sobria, biocompatíbel, sostíbel, ética e crítica.
Esta charla-coloquio, venres 26 de xaneiro ás 19:00h no Auditorio Municipal de Nigrán, pretende abrir unha reflexión na comunidade educativa sobre unha revolución dixital publicitada como “verde”, inocua, inmaterial, sostíbel e imprescindíbel.
Contou como relatores a Xulio Carmona e Menchu Outón, persoas coordinadoras da campaña «escuela saludable» de Ecoloxistas en Acción e da súa guía escolar «Medrar de forma saudábel nun mundo dixital» que se repartiu no acto.
No debate proponse identificar os distintos mitos tecnolóxicos instaurados nun proceso desregulado de hiperdixitalización. Mostrarán o coñecemento científico actual sobre as consecuencias negativas coñecidas do tempo de uso de pantallas e do seu inicio precoz, asociados a alteracións da saúde mental e física, así como as súas implicacións negativas no desenvolvemento cerebral e do ámbito académico e da aprendizaxe.
Abordaron igualmente a “presencia importante” en “idades temperás” de condutas aditivas relacionadas coas TIC. Darán voz ás persoas expertas que alertan e denuncian tácticas adictóxenas deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital, denunciadas ante tribunais norteamericanos por asociacións de nais, pais e persoas afectadas. Denuncias actualmente apoiadas por fiscais de 42 estados distintos de Norte América, contra META (Facebook, Instagram) por poñer en risco a saúde mental de nenas, nenos e rapazada, de forma premeditada.
Deron visibilidade aos inasumíbeis costes das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como a denunciada por organizacións de dereitos humanos pola captación xeneralizada de datos do alumnado.
Mostraron exemplos das diferentes medidas proteccionistas que se están levando na actualidade para evitar a distracción dixital e mellorar a atención na aula, así como das distintas experiencias de nais e pais cara a evitar a presión social dunha introdución precoz e ‘disruptiva’ da tecnoloxía dixital en menores.