- A Unidade Asistencial de Drogodependencias, en colaboración con Ecoloxistas en Acción, organiza o xoves 8 de maio ás 18.00 h, na Casa da cultura de O Grove un faladoiro sobre «Como medrar de xeito saudable dentro dun mundo dixital», de información e sensibilización sobre o uso dos medios dixitais no eido familiar, do ensino e social, así como das consecuencias do seu inicio precoz e desregulado.
- Contarase como relatores persoas coordinadoras da campaña “escuelasaludable.org” de Ecoloxistas en Acción: Xulio Carmona (enfermeiro de drogodependencias, especialista en saúde mental e experto en adiccións tecnolóxicas) e Menchu Outón (veterana docente de secundaria no ensino público)
- Identificarán mitos do proceso hiperdixitalizador, informarán das alertas científicas e profesionais, repartirán guías educativas da campaña, como a ilustrada por Kiko da Silva, e darán un tempo de debate na liña de xerar alternativas e propostas no eido familiar e educativo.
Durante o acto presentarase e repartirase de balde as guías da campaña “Escola saudábel”: a guía para familias e docentes ‘Medrar de forma saudábel nun mundo dixital’, a guía en imaxes de Kiko da Silva: ‘Medrar con pantallas non é progreso’) e as Orientacións prácticas para as familias sobre Smartphone e adolescencia.
Informarase do cambio de paradigma proposto, entre outras, pola Asociación Española de Pediatría (AEP) cando, ante a «nova evidencia científica» deste “problema de saúde pública”, recomenda dende decembro de 2024 CERO pantallas até os 6 anos e menos de 1 ou 2 horas ao día, respectivamente, entre 7-12 anos e entre 13-16 anos, incluído o tempo escolar e de deberes, postergando a introdución do smartphone. Explicarase igualmente por que os e as pediatras exhortan dende abril de 2025 ás institucións educativas a instruír en competencias dixitais sen pantallas nas aulas.
Abordarase igualmente a importante presencia en idades temperás de condutas adictivas relacionadas coas TIC. Informarase das alertas e denuncias das tácticas adictóxenas deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital.
Procurarase facer visíbel os inasumíbeis custos das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como as denunciadas pola propia UNESCO.
Mostraranse exemplos de medidas de protección xeral, de como mellorar a atención na aula e alcanzar competencias dixitais sen pantallas, así como as experiencias de nais e pais enfocadas a evitar a presión social dunha introdución precoz e ‘disruptiva’ da tecnoloxía dixital en menores. Facilitaranse orientacións prácticas e darase voz a familiares e docentes para explorar como levar a cabo, a nivel local, alternativas e propostas nesta liña.






















