- A ANPA O Chouzo do CEIP Emilia Pardo Bazán, en colaboración con Ecoloxistas en Acción e Adolescencia libres de smartphones, organiza este 21 de xaneiro ás 16,30 h, un faladoiro sobre «Como medrar de forma saúdabel nun mundo dixital», de información e sensibilización sobre o uso dos medios dixitais no eido familiar, do ensino e social, así como das consecuencias do seu inicio precoz e desregulado.
- Contarase como relatores persoas coordinadoras da campaña “escuelasaludable.org” de Ecoloxistas en Acción: Xulio Carmona (enfermeiro de drogodependencias, especialista en saúde mental e experto en adiccións tecnolóxicas) e Menchu Outón (docente de secundaria no ensino público)
- Identificarán mitos do proceso hiperdixitalizador, informarán das alertas científicas e profesionais, repartirán guías educativas da campaña, como a ilustrada por Kiko da Silva, e darán un tempo de debate na liña de xerar alternativas e propostas no eido familiar e educativo.
.
Neste faladoiro procurase identificar os mitos tecnolóxicos dun proceso de hiperdixitalización instaurado de forma acrítica e desregulada. Informarán do coñecemento científico actual das consecuencias negativas do tempo de uso de pantallas e do seu inicio precoz: alteracións da saúde mental e física, e as súas implicacións no desenvolvemento cerebral e nos ámbitos académico e da aprendizaxe.
Durante o acto presentarase e repartirase de balde as guías da campaña “Escola saudábel” (https://escuelasaludable.org / info@escuelasaludable.org): a guía para familias e docentes ‘Medrar de forma saudábel nun mundo dixital’ e a guía educativa en imaxes de Kiko da Silva: ‘Medrar con pantallas non é progreso’.
Informarase da actualización, entre outros, das recomendacións da Asociación Española de Pediatría (AEP) que dende decembro de 2024 aconsella: Cero pantallas ata os 6 anos, menos de 1 hora/día de 7 a 12 anos e menos de 2h entre 13-16 anos (incluído, en ambos casos, o tempo escolar e de deberes). Neste último período de idade a asociación pediátrica non aconsella a introdución do smartphone, propoñendo, no seu caso teléfonos básicos sen internet.
Abordarase igualmente a importante presencia en idades temperás de condutas adictivas relacionadas coas TIC. Informarase das alertas e denuncias das tácticas adictóxenas deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital.
Procurarase facer visíbel os inasumíbeis custos das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como as denunciadas pola propia UNESCO.
Mostraranse exemplos de medidas de protección xeral, de como mellorar a atención na aula e alcanzar competencias dixitais sen pantallas, así como as experiencias de nais e pais enfocadas a evitar a presión social dunha introdución precoz e ‘disruptiva’ da tecnoloxía dixital en menores. Darase voz a familiares e docentes para explorar como levar a cabo, a nivel local, alternativas e propostas nesta liña.