O MARTES 3 DE DECEMBRO ás 19 h, Ecoloxistas en Acción, en sinerxía e apoio á Plataforma galega ‘Adolescencia libre de smartphones’, presenta no Paraninfo do IES Politécnico de Vigo á comunidade educativa de Vigo a campaña “Escola saudábel” (https://escuelasaludable.org), de información e sensibilización sobre o uso dos medios dixitais no eido familiar, do ensino e social, así como das consecuencias do seu inicio precoz e desregulado.
Presentamos (e repartimos de balde) a guía para familias e docentes ‘Medrar de forma saudábel nun mundo dixital’ e a guía educativa en imaxes: ‘Medrar con pantallas non é progreso’.
Con esta campaña procurarase afondar nunha reflexión na comunidade educativa viguesa sobre unha revolución dixital publicitada como “verde”, inocua, inmaterial, sostíbel e imprescindíbel.
Para iso, exponse:
- As alertas científicas e expertas sobre as diferentes problemáticas recoñecidas do proceso hiperdixitalizador do ámbito educativo e da sociedade dende os eidos da saúde, aprendizaxe, ambiental e social.
- As achegas e normas do ámbito científico, profesional e institucional para un uso dos medios dixitais que atenda a idade e a situación de vulnerabilidade máis grande de nenas, nenos e adolescentes (postergando/limitando a súa introdución), dirixidas a formar persoas que afronten o uso desta tecnoloxía de maneira sobria, biocompatíbel, sostíbel, ética e crítica.
Neste sentido, procurase identificar os mitos tecnolóxicos instaurados neste proceso de hiperdixitalización que está a darse de forma acrítica e desregulada. Para iso partimos do coñecemento científico actual sobre as consecuencias negativas do tempo de uso de pantallas e dos eu inicio precoz: alteracións da saúde mental e física, así como das súas implicacións coñecidas no desenvolvemento cerebral e nos ámbitos académico e da aprendizaxe.
Abordamos igualmente a importante presencia en idades temperáns de condutas adictivas relacionadas coas TIC. Darase voz ás persoas expertas que alertan e denuncian tácticas adictóxenas deliberadas e profusamente aplicadas pola industria dixital, como as denunciadas ante tribunais norteamericanos por asociacións de nais, pais e persoas afectadas. Denuncias actualmente secundadas por fiscais de 42 estados diferentes de EUA, contra META (Facebook, Instagram) por poñer en risco a saúde mental de nenas, nenos e adolescentes, de maneira premeditada.
Procurarase facer visíbel os inasumíbeis custos das tecnoloxías dixitais pola súa pegada ambiental e climática e pola perda de privacidade e o control social, como as denunciadas pola propia UNESCO.
Mostramos exemplos de medidas de protección xeral, incluíndo como mellorar a atención na aula e alcanzar competencias dixitais sen pantallas, así como as experiencias de nais e pais enfocadas a evitar a presión social dunha introdución precoz e ‘disruptiva’ da tecnoloxía dixital en menores. Darase voz a familiares e docentes para explorar como levar a cabo, a nivel local, alternativas e propostas nesta liña.
Para solicitar algunha actividade no voso centro, calquera dúbida ou suxestión: contacta connosco!: info@escuelasaludable.org