Do 19 ao 23 de xuño ten lugar en Pontevedra a décimo quinta Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento.
Dentro da mesma Ecoloxistas en Acción participou o xoves 20 de xuño na Alameda de Pontevedra da Celebración protesta do Día Internacional do Decrecemento:
Divulgamos libros e campañas, así como presentamos e repartimos a guía «Medrar de forma saudábel nun mundo dixital» da campaña escola saudábel.
Agradecemos á organización das xornadas que no contexto desta celebración-protesta puidérese ler, en galego e en inglés, un resumo do contexto da campaña escolar aos participantes a estas conferencias decrecentistas (que conta con máis de 1.200 académicos, investigadores e activistas inscritos, procedentes de diferentes países do mundo) e as organizacións galegas activistas participantes da festa reivindicativa do decrecemento.
BREVE PRESENTACIÓN DA GUÍA EDUCATIVA DE ECOLOXISTAS EN ACCIÓN: COMO MEDRAR DE FORMA SAUDÁBEL NUN MUNDO DIXITAL NA CELEBRACIÓN-PROTESTA DO DÍA INTERNACIONAL DO DECRECEMENTO:
En Galiza, o proceso produtivista e desregulado da hiperdixitalización da sociedade levouse acriticamente ás aulas sen atender á súa gran pegada ambiental nin aos prexuizos na saúde, a aprendizaxe e a privacidade de nenos e nenas.
O coñecemento científico actual alerta das alteracións da saúde mental e física tanto dun uso excesivo das adictóxenas pantallas como do seu inicio precoz, así como das súas implicacións negativas no desenvolvemento cerebral e no eido académico e da aprendizaxe.
Asociacións de Pediatría, como a Sueca, solicitan eliminar as ferramentas dixitais en preescolar e limitar o seu uso en primaria e secundaria, para primar a interrelación non dixital na aula entre profesorado e alumnado e do alumnado entre si.
UNICEF solicita non introducir pantallas na infancia, e, pasada esta, as principais asociacións pediátricas demandan postergalo o máis posíbel.
Ademais, a conexión sen cable nas aulas expoñe de forma innecesaria ao alumnado á contaminación electromagnética de redes WIFI industriais de alta capacidade.
Dende Ecoloxistas en Acción, apostamos por unha escola que garanta unha educación non condicionada por pantallas e ferramentas dixitais, e que eduque para que un futuro uso sexa sobrio, biocompatíbel, sostíbel, decrecentista, ético e crítico, garantindo a súa privacidade.
Ver tamén participación nas xornadas decrecentistas previas á conferencia:
Cadernos versus Tablets. Deberiamos desdixitalizar o ensino?